|
Higinio M. F. dela Vega en plena exposición |
Onte á tarde no Museo de San Paio desenvolveuse o nº 3 da revista oral Castronela cunha asistencia de público maior da esperada.A revista estivo dedicada integramente a Celestino Fernández de la Vega conmemorando así o centenario do nacemento do pensador friolés .
As diferentes intervencións zumegaban o agarimo que lle tiñan ao homenaxeado os diferentes oradores; ben por razóns de familiaridade, amizade ou simple coñecemento do autor ou da súa obra. As mesmas foron festonadas coa música da violonchelista Paula Rancaño e os relatos humorísticos ben acaídos de Lois Pérez.
Tanto Ramón López Vázquez, estudoso da figura de Cilistro como deixou ver na súa maxistral intervención, como o anecdotario xuvenil que nos achegou Higinio M.F. de la Vega, transportaron ao público asistente ao Lugo que viviu e conformou a existencia de Celestino.
Pola súa banda, Alfonso Blanco Torrado percorreu os inicios de Xermolos - asociación guitiricense-- e a axuda, colaboración e ánimos que desde o seu posto no daquela Goberno Cívil lles prestou o homenxeado.
A guinda púxoa María Luisa Maceda, viúva do autor que visiblemente emocionada completou o retrato perfilado polos oradores anteriores.
Como resumo só queda felicitar tamén aos organizadores: un luxo de revista.
As fotografías correspóndense coas intervencións de Higinio Martínez F dela Vega, Lois Pérez e Ramón López Vázquez