Amosando publicacións coa etiqueta Cilistro b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cilistro b>. Amosar todas as publicacións
venres, 19 de decembro de 2014
domingo, 28 de setembro de 2014
Revista oral Castronela dedica a Celestino Fernández de la Vega
![]() |
Higinio M. F. dela Vega en plena exposición |
Onte á tarde no Museo de San Paio desenvolveuse o nº 3 da revista oral Castronela cunha asistencia de público maior da esperada.A revista estivo dedicada integramente a Celestino Fernández de la Vega conmemorando así o centenario do nacemento do pensador friolés .
As diferentes intervencións zumegaban o agarimo que lle tiñan ao homenaxeado os diferentes oradores; ben por razóns de familiaridade, amizade ou simple coñecemento do autor ou da súa obra. As mesmas foron festonadas coa música da violonchelista Paula Rancaño e os relatos humorísticos ben acaídos de Lois Pérez.
Tanto Ramón López Vázquez, estudoso da figura de Cilistro como deixou ver na súa maxistral intervención, como o anecdotario xuvenil que nos achegou Higinio M.F. de la Vega, transportaron ao público asistente ao Lugo que viviu e conformou a existencia de Celestino.
Pola súa banda, Alfonso Blanco Torrado percorreu os inicios de Xermolos - asociación guitiricense-- e a axuda, colaboración e ánimos que desde o seu posto no daquela Goberno Cívil lles prestou o homenxeado.
A guinda púxoa María Luisa Maceda, viúva do autor que visiblemente emocionada completou o retrato perfilado polos oradores anteriores.
Como resumo só queda felicitar tamén aos organizadores: un luxo de revista.
As fotografías correspóndense coas intervencións de Higinio Martínez F dela Vega, Lois Pérez e Ramón López Vázquez
venres, 19 de setembro de 2014
Actos arredor do centenario de Celestino Fernández de la Vega
Con motivo do centenario do nacemento do filósofo friolés (nacido o 23 de setembro de 1914), vanse desenvolver na capital da provincia e en Friol unha serie de actos patrocinados pola área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, os
museos da Rede Museística Provincial e as Facultades de Humanidades e Formación do Profesorado.
Baixo o título xenérico de "Celestino Fernández de la Vega: mestre lucense nun tempo de sombras" vanse realizar os seguintes actos que cronolóxicamente pasamos a citar:
O 23 de setembro na sala multiusos do Museo Provincial: "Cilistro na memoria viva de Lugo" a partir das 18 h.
O 27 de setembro no Museo de San Paio a partir das 19 h. a revista oral Castronela dedicarase monograficamente a Celestino baixo o título "Cilistro na revista oral Castronela".
Neste número intervirán: Ramón López Vázquez, Alfonso Blanco Torrado, Higinio Martínez Fernández de la Vega, Lois Pérez e a viúva do pensador, dona Mª Luisa Maceda. A xove violonchelista lucense Paula Rancaño encargarase da parte musical.
O 21 e 22 de novembro, no Museo Provincial: "Tempo e pensamento de Celestino Fernández de la Vega" ( o 21 de novembro de 16:00 a 19:30 h. e o 22 de de 10:00 a 14:00 h.)
domingo, 27 de abril de 2014
Artigo sobre Celestino no diario El Progreso
Hoxe na edición impresa do diario provincial Santiago Jaureguizar publica un artigo co título "Cien años del nacimiento de Celestino Fernández de la Vega".
luns, 24 de febreiro de 2014
Máis actos de homenaxe a Cilistro
O pasado venres día 21, como xa anunciaramos, en dúas cafetarías de Lugo , Canela e Casablanca, desenvolvéronse dous actos que serviron para traer á memoria a lembranza de Cilistro.
Na primeira, a profesora do Departamento de Filosofía e Antropoloxía social da Facultade de Humanidades, doutora María Xesús Vázquez Lobeiras falou sobre a vida e obra do pensador friolés que foi seguida con interese polo público asistente.
Xa pola noite no Casablanca , tamén con asistencia de moito público, tivo lugar o espectáculo de narración oral ‘O segredo de Celestino’, da man de Lois Pérez e o grupo Estercophonics, formado polo Mestre Rulos ao saxo e Fernán Gómez á guitarra.
Estes actos estiveron organizados polo colectivo Cultura do País.
A fotografía recolle o cartel anunciador do acto, a actuación de Lois Pérez e dúas instantáneas da disertación da profesora de fiolosofía. Nunha delas ( fotografía que achega Higinio Martínez Fernández de la Vega) aparecen familiares de Cilistro seguindo a charla da doutora Vázquez Lobeiras
domingo, 23 de febreiro de 2014
No Centenario de Cilistro
Paralelamente ao blog "Algo máis que pan e queixo", neste caderno que inicia hoxe a súa andaina iremos publicando todo aquilo que co motivo da celebración do Centenario do pensador friolés, Celestino Fernández de la Vega (1914-1986) consideremos de interese.
Con isto achegamos o noso gran de area á merecida celebración, e ao tempo tentaremos recuperar aquelas colaboracións que foi publicando ao longo da súa vida nos diferentes medios impresos da nosa xeografía.
Xa para empezar incorporaremos as entradas do blog antes citado que fan referencia directa ao noso Cilistro.
Pequena biografía


Xa* ía sendo hora de falar do “Cilistro”. E que mellor momento que neste mes de maio, no que se lle dedica o “Día das Letras Galegas” ao seu amigo e colaborador Ramón Piñeiro. Pois aí vai:
Entre os fillos ilustres destas terras de Friol, é, sen dúbida, Celestino Fernández de la Vega o máis sobranceiro.
Cilistro, como era coñecido polos seus amigos, naceu en Friol no ano 1914. Os seus pais eran Higinio Fernández de la Vega- notario do concello- do que xa falamos noutra entrada e Ángela Pardo Saavedra ( da liñaxe dos Saavedra).
Seguimos nesta entrada o traballo realizado e publicado por Ramón López Vázquez: "Celestino Fernández de la Vega. Pensador do novo galeguismo"
Na súa infancia tiña sona de ocorrente, con criterio propio, rebelde ante as imposicións e habelencioso, gustaba da música, do fútbol e era un bo nadador. A fama de rapaz intelixente vaino acompañar ó longo da súa vida.
Nunca esqueceu os eidos paternos nin os amigos da infancia. Coñecíano tamén como “O Cerimonias” pola súa arte en sortear todo o que lle saía ó paso. Sempre volveu ó seu lugar de nacemento onde se reunía cos amigos para conversar sobre as melloras necesarias para a comarca. Un proxecto concreto foi o de substituír o vello “Club de Fútbol Friol” pola nova “Sociedade Deportiva e Cultural de Friol”.
Vai estudar a Lugo, primeiro no colexio dos Maristas e logo no Instituto de Bacharelato. Nesta cidade desenvolverá o seu gusto pola lectura e dúas das súas grandes paixóns: a filosofía e o que adoitaba definir como as “cousas de Lugo”.
A pesar do seu gusto pola filosofía, no ano 1931 matricúlase en Dereito en Santiago de Compostela, seguindo así os desexos de seu pai.
Descobre a Rosalía e a Valle-Inclán . Tal era o gusto do escritor pola obra da poetisa galega que todas as noites ó se deitar recitaba o seu poema “Negra sombra”. A Valle-Inclán considerábao como un consumado artista da lingua e un atinado observador dos hábitos mentais e arquetipos antropolóxicos de Galicia.
Celestino destina o seu tempo sobre todo á lectura.
Marcha a Madrid co fin de rematar a súa licenciatura. Aquí ademais de frecuentar a súa vida cultural, ten a posibilidade de compartir tertulias con Unamuno, o ribadense e gran coñecedor da literatura do s. XIX Gamallo Fierros, Baroja... Tamén se pon en contacto con algúns dos integrantes da fornada “Ronsel”, Álvaro Gil, Álvaro Cebreiro, Luís Pimentel...
No ano 1936, no mes de xullo, volve a Lugo de vacacións. A Guerra Civil fai que non poida rematar a carreira ata tres anos despois, cando a contenda finaliza.
Celestino foi mobilizado para combater no bando nacional; a guerra marcaría de forma decisiva a súa obra.
Unha vez concluído o conflito bélico, comezou a preparar as oposicións de Técnico Administrativo, debido á necesidade de procurar o sustento. Aproba as oposición en 1940 e vai destinado ó Goberno Civil de Lugo. No ano 1949 casará coa súa secretaria persoal, Mª Luísa Mercedes Méndez, coa que terá tres fillos.
Á súa volta a Lugo atopará unha cidade empobrecida a todos os niveis, pero aínda así, o apego que lle ten á cidade fará que renuncie a ascender no seu traballo para evitar ser destinado a outro lugar.
Será Ánxel Fole quen o introduce no grupo minoritario de persoas cultas da cidade e o que o pon en contacto , mesmo levándoo á súa casa, con Pimentel. ( Máis adiante será o propio Cilistro o que se encarga da edición do libro póstumo deste poeta "Sombra do aire na herba").
Fíxose asiduo de diferentes tertulias ás que asistía Pimentel , Fole, Antonio Figueroa, Luciano Penedo e Ramón Piñeiro entre outros. Así pasa Celestino a formar parte do Lugo intelectual da xeración “Yunque”e, neste ambiente, retomará as ilusións deixadas polo camiño. Unha das principais preocupación deste grupo é a de incorporar a cultura europea a Galicia.
Se antes da Guerra Civil era a literatura e a pintura o que concitaba o seu interese, agora os seus gustos céntranse na poesía, o cine e a música. Sobre estes e outros temas escribirá artigos xornalísticos en distintas publicacións:“El Progreso”, “La Noche”, “Grial” ou “Galicia Emigrante”.
Segundo o traballo "Viaxe arredor de Ánxel Fole" de L. Rodríguez, desta época quédannos numerosas anécdotas xurdidas da súa relación con Ánxel Fole. Se ben todos os amigos cualificaban ó escritor lucense como un ser encantador en toda a dimensión da palabra, tamén recoñecían, e por suposto perdoaban, o seu egocentrismo. Este trazo da súa personalidade, podemos velo, por exemplo, cando nunha das xuntanzas que acostumaban a ter se falou de música e Fole, como a maioría, non sabía nada de técnica musical, o que se poñía en evidencia nas súas intervencións, cousa que non lle gustaba nada ó escritor. Coñecía o nome do autor e o argumento que figuraba na carauta do disco e Celestino teimaba por lle facer comprender que a música non era iso.
Tamén o cine era motivo de controversia entre os dous: Fole tiña bo gusto e intuía onde había calidade, pero os seus coñecementos non pasaban de aí. Por iso sempre que se producía unha discusión que esixise afondar en algo propoñía que o explicase Celestino ( gran amante , por certo das chamadas películas do Oeste).
Cilistro andou tempo cismando na publicación dun libro sobre a paisaxe cousa que para D. Ánxel non merecía outro comentario :“¡que barbaridad!”.
Será nesta época cando ingresa de xeito definitivo no seo da cultura galega. Ata entón, aínda que consideraba un valor cultural fundamental a lingua galega, desde o punto de vista literario sempre botaba man do castelán á hora de facer cousas de “peso”.
En 1950, cando el mesmo se cualifica de galeguista , o que está a suceder é a cristalización de dez anos ó abrigo dos amigos cos que a diario conversaba. A vocación filosófica de Celestino vai encherse de contido galeguista.
Neste mesmo ano fúndase a Editorial Galaxia, que nace co obxectivo de constituír un eficaz instrumento ó servizo do desenvolvemento universal da lingua galega. Celestino estivo presente no proxecto da editorial desde a súa orixe, aportando ensaios como “Cultura y comunicación” (1951) e “Campanas de Bastabales” (1952), publicados en español por esixencias da censura (o 50% dos textos dun volume debía ir escrito na lingua oficial).
Familiarizado coas principais correntes do pensamento do momento, atráeo especialmente a filosofía de Heidegger (a quen lía no seu alemán orixinal). Fernández de la Vega traducirá, xunto con Ramón Piñeiro a obra do filósofo xermano "Da esencia da verdade".
Celestino tratou nos seus escritos e conversas as tres características que el consideraba fundamentais do ser galego: a saudade, o sentimento da paisaxe e o humorismo.
Como as súas obras máis importantes podemos sinalar: “Abrente e Solpor da Paisaxe” (1958), editada nun volume colectivo en homenaxe a Otero Pedrayo, e o "Segredo do humor" (1963), na que expón a súa particular concepción do humor. Tamén realizou traducións ó galego de traballos de Julius Pokorny e Martin Heidegger.
Tras varios anos sufrindo unha forte depresión, Fernández de la Vega decidiu pór fin á súa vida en 1986.
A caricatura está feita por Mouriz e a recollida e ordenación da información foi feita por Ana Vázquez.
*Esta entrada foi publicada no blog "Algo máis que pan e queixo" en maio do2009
*Esta entrada foi publicada no blog "Algo máis que pan e queixo" en maio do2009
Colocación dunha placa na casa onde viviu en Lugo
Onte pola mañá na capital da provincia, promovido polo Club Cultural Valle Inclán, levouse a cabo a colocación, no edificio no que residiu unha gran parte da súa vida, dunha placa de homenaxe ao pensador e escritor --como reza a mesma-- Celestino Fernández de la Vega, con motivo de estarmos no ano do seu Centenario.
Ao acto asistiron o alcalde da cidade, José C. López Orozco e e a concelleira de cultura, Carmen Basadre que acompañaron á presidenta actual do Clube Valle-Inclán, Tonina Gay, a viúva, María Luisa Maceda, fillos e demais familiares e amigos deste friolés universal.
Destacar que Celestino F de la Vega foi socio fundador do citado Cine-Clube alá polos anos sesenta do pasado século.
Este acto terá continuación o próximo venres coa disertación a cargo da profesora de Filosofía da Facultade de Humanidades de Lugo, María Xesús Vázquez Lobeiras, sobre a influencia da filosofía alemá na obra do homenaxeado ( 8 da tarde na cafetería Canela, na Praza Maior).
Tamén o venres na cafetería Casablanca, ás dez e media da noite, desenvolverase un espectáculo de narración oral, baixo o título "O segredo de Celestino" con Lois Pérez e o grupo Estercophonics, formado polo Mestre Rulos ao saxo e Fernán Gómez á guitarra.
Esperamos cunda o exemplo e no seu Friol natal, do que nunca estivo desvinculado, se animen a homenaxear este pensador e a destinarlle un espazo público na vila que lembre a súa memoria.

Nota:As fotografías que ilustran a entrada fóronnos facilitadas por Higinio Martínez F. de la Vega a quen lle agradecemos a achega.
A memoria de Cilistro
Na mesma podemos escoitar na súa voz un resumo do seu pensamento e da súa vida. A verdade é que non ten perda.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)